Visita de la presidenta de la Diputación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada delegada da Escola de Enfermaría, Eva Vilaverde, realizou unha visita institucional ás instalacións do centro universitario dependente da Deputación. Esta visita, a primeira segundo recordou o director da Escola, Miguel Ángel Piñón, serviu para coñecer de primeira man o traballo que se realiza no centro así como as necesidades do alumnado e profesionais que traballan nel.

Carmela Silva enxalzou o papel de Eva Vilaverde, deputada delegada da Escola de Enfermaría, e do director, equipo directivo e profesorado do centro "polo seu compromiso coa escola e coa educación e sanidade pública que está a converter á Escola nun referente na educación da enfermaría na nosa comunidade, onde se forman profesionais con preparación científica e humana, con capacidade para atender ás necesidades de saúde e coidados das persoas sas ou enfermas ó longo do seu ciclo vital".

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para poñer en valor "o noso compromiso coa sanidade pública porque é un dos dereitos básicos da cidadanía e non hai sociedade xusta se non hai unha sanidade de calidade, con capacidade suficiente para prestar servizos a toda a poboación". Por tal motivo, Silva se comprometeu a remodelar a aula que resta por actualizar para adaptala ás novas necesidades da Escola de Enfermaría así como a renovar os materiais e equipos informáticos do centro educativo.

En relación á transferencia da escola á universidade, Carmela Silva subliñou que onte mesmo mantivo unha reunión co reitor da Universidade de Vigo na que se puxo de manifesto que o proceso está en marcha e a expensas da constitución do novo goberno autonómico.  Neste eido, a Presidenta da Deputación recordou que "o anterior presidente aseguraba que a integración na Universidade de Vigo ía ser unha realidade no curso 2013/2014 e o certo é que estamos no 2016/2017 e aínda non se conseguiu".

A Escola de Enfermaría naceu hai máis de 40 anos da man da Deputación de Pontevedra ocupando nun primeiro momento as instalacións do antigo "Fogar Provincial" e dende o 1993 a cuarta e quinta planta do Hospital Provincial. Durante as súas catro décadas de vida acolleu nas súas aulas a máis de 2.000 alumnas e alumnos. Na actualidade estudan na Escola de Enfermaría, adscrita á Universidade de Vigo dende 1990, 215 alumnas e alumnos e conta cun equipo de máis de 30 profesoras e profesores.